Artigo en Nature Geoscience. Estudar as fluctuaciones climáticas do pasado axúdano a entender o cambio climático no presente

Artigo en Nature Geoscience. Estudar as fluctuaciones climáticas do pasado axúdano a entender o cambio climático no presente
  • “Diminución das flutuacións climáticas decenais predicibles do Atlántico Norte debido ao derretemento do xeo” é o artigo no que se estudan as flutuacións do clima do pasado para entender o cambio climático no presente.
  • A investigación conclúe que o desxeo de Groenlandia alterará a variabilidade climática no Atlántico e no sector europeo.
  • “Predicir como variará o clima nos próximos anos ou décadas é de grande interese para os responsables da toma de decisións preocupados pola produción de alimentos e a seguridade enerxética”, asegura o investigador.

O investigador Ramón y Cajal no grupo GRICA do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía da Universidade da Coruña, Armand Hernández, publica hoxe un artigo en Nature Geoscience, unha das revistas científicas máis prestixiosas do mundo e a número un na súa área, sobre a recorrencia e ciclicidade da variabilidade climática a escala de décadas entre o últimos 10.500 e 2.000 anos, que axudan a entender o cambio climático no presente.

O artigo que leva como título “Diminución das flutuacións climáticas decenais predicibles do Atlántico Norte debido ao derretemento do xeo” conclúe que o desxeo no hemisferio norte tras o último período glaciar alterou a variabilidade climática medida en décadas no Atlántico e o sector europeo, e podería facelo nun futuro próximo se persiste o desxeo en Groenlandia. As conclusións publícanse na revista Nature Geoscience e baséanse no estudo da variabilidade climática pasada rexistrada en sedimentos anuais de lagos e en simulacións de modelos climáticos.

Segundo os autores do traballo, entre os que se encontra Hernández, «Predicir como variará o clima nos próximos anos ou décadas é de grande interese para os responsables da toma de decisións preocupados pola produción de alimentos e a seguridade enerxética. Queriamos saber ata que punto era predicible o sistema climático hai uns milenios, cando diminuíu  gran parte da capa de xeo do hemisferio norte, o que pode interpretarse como un análogo pasado do desxeo de Groenlandia co quencemento global actual».

Os autores utilizaron información climática rexistrada nos depósitos anuais de sedimentos acumulados no fondo de Diss Mere, un lago de Norfolk, e compararon as súas observacións con simulacións de modelos climáticos durante os últimos dez milenios. Segundo Celia Martín-Puertas líder do estudo, «as nosas conclusións amosan que a recorrencia dos sinais oscilatorios decenais viuse mitigada cando se liberou no océano Atlántico Norte una grande cantidade de auga doce procedente do desxeo continental directo, o que ocorreu hai uns oito mil anos. Cando o desxeo cesou un milenio despois, os sinais decenais volveron aparecer, o que suxire que o sistema climático empezou a comportarse de forma máis predicible e pon de relevo os vínculos entre a capa de xeo continental e a variabilidade climática decenal.»

O impacto do xeo mariño na variabilidade climática estudada por décadas analizouse en períodos climáticos pasados e está ben representado nos modelos de predición decenal; non obstante, o papel potencial do xeo continental pode estar subestimado. Isto débese probablemente á complexidade dos procesos de fusión do xeo de Groenlandia, á falta de observacións adecuadas a longo prazo e ás dificultades técnicas para simular o seu efecto. Como resultado das conclusións deste novo traballo, os autores suxiren que, aínda que sexa un reto, deberían facerse esforzos para ter máis en conta a cambiante capa de xeo de Groenlandia nas próximas predicións climáticas.

Armand Hernández Hernández é un dos autores deste relevante traballo e é investigador postdoutoral do programa de excelencia Ramón y Cajal. Hernández licenciouse en Xeoloxía na Universidade de Barcelona en 2003 e defendeu a súa tese de doutoramento, recoñecida ese ano como a mellor en Ciencias da Terra da UB, no Instituto de Xeociencias Barcelona-CSIC. Nestes anos foi contratado posdoctoral Marie Curie da Fundação para a Ciência e a Tecnologia de Portugal e contratado Beautriu de Pinós que o levou de volta ao CSIC en Barcelona. Desde 2022 forma parte do grupo GRICA de CCIA. Ten 41 publicacións e un índice H de 17.

CICA:

O CICA é o Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía creado na Universidade da Coruña en 2015. Conta con 200 investigadores e investigadoras organizados en tres áreas científicas que van desde a biomedicina ata a ciencia dos materiais. A excelencia investigadora, a transferencia tecnolóxica e a transmisión de coñecemento á sociedade forman os tres piares sobre os que se fundamenta o centro de investigación. É recoñecido pola atracción de talento, a visibilización da muller científica e a promoción da igualdade de xénero, contando cunha presenza feminina superior ao 50%.

Enlaces:

Go to top