O CICA abre as súas portas ao talento internacional a través da convocatoria TalentGal 2026

O CICA abre as súas portas ao talento internacional a través da convocatoria TalentGal 2026

O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña participa na nova convocatoria Talentgal 2026, unha iniciativa impulsada pola rede de Centros de Investigación do Sistema Universitario de Galicia (CIGUS), a través de fondos europeos, para atraer talento investigador posdoutoral internacional.

A convocatoria ofrece un total de 20 prazas distribuídas entre os dez centros de excelencia que integran a rede CIGUS. No caso do CICA, as persoas candidatas poderán incorporarse a grupos de investigación de referencia internacional en áreas estratéxicas que combinan química, biomedicina, nanotecnoloxía, sustentabilidade, ciencia de materiais e intelixencia artificial aplicada á saúde.

O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o próximo 23 de xullo. Toda a información sobre requisitos, condicións e proceso de inscrición pode consultarse en Talentgal 2026.

Oito liñas estratéxicas de investigación no CICA

As persoas investigadoras interesadas en desenvolver a súa carreira no CICA poderán integrarse en proxectos altamente interdisciplinares vinculados a oito liñas de investigación.

1) Mecanismos de enfermidade e diagnóstico

Esta liña aborda o estudo da expresión xénica e proteica e de compostos derivados da hidrólise enzimática que son relevantes para o diagnóstico e o tratamento, así como o desenvolvemento e a validación de novas ferramentas específicas para estudos de biomonitorización e avaliación da nanotoxicidade.

As investigacións estarán supervisadas por María Isabel González Siso (grupo Exprela) e Vanessa Valdiglesias García (Nanotoxgen).

2) Ecosistemas e cambio global

O CICA ofrece proxectos centrados en paleoclima, hidroloxía, modelización ambiental, tratamento de augas residuais, valorización de residuos e avaliación do impacto do cambio climático mediante técnicas avanzadas de monitorización e análise de datos ambientais.

Participan nesta liña Francisco Javier Samper Calvete (Aquaterra), María del Carmen Veiga Barbazán e Christian Kennes (Bioengin), e Armand Hernández Hernández (GRICA).

3) Materiais innovadores para enxeñaría e reparación de tecidos e órganos

Esta liña desenvolve novas estratexias de biofabricación, impresión 3D de tecidos, biomateriais intelixentes e terapias avanzadas para a rexeneración tisular e a liberación controlada de fármacos.

A supervisión correrá a cargo de Ana Rey Rico (G-Cel) e Daniel Nieto García (Advanced Biofab).

4) Materiais para tecnoloxías de conversión e almacenamento de enerxía

O CICA impulsa investigacións sobre baterías avanzadas, materiais funcionais que presentan propiedades específicas e a correlación entre estrutura e propiedades, así como a síntese e caracterización de materiais.

Os proxectos estarán dirixidos por Manuel Sánchez Andújar (udcsolids), Jonathan Quinson (NEST) e Israel Temprano Fariña (LISTE).

5) Mecanismos e abordaxes terapéuticas en enfermidades crónicas e dexenerativas

Esta liña inclúe investigacións sobre a patoxénese e os biomarcadores moleculares das enfermidades reumatolóxicas inflamatorias e asociadas á idade; terapias avanzadas, medicina rexenerativa e novos fármacos para o tratamento da osteoartrite e outras enfermidades reumáticas; intelixencia artificial aplicada á reumatoloxía de precisión; neurociencia; e novas terapias para enfermidades dexenerativas e epilepsia refractaria.

As persoas supervisoras serán Francisco Javier Blanco García (GIR-S) e Juan Casto Rivadulla Fernández (NEUROcom).

6) Sistemas metálicos para síntese química catalítica, diagnóstico e tratamento

As investigacións céntranse en catálise metálica, síntese orgánica, desenvolvemento de antimicrobianos e vacinas, así como en axentes de contraste e radiofármacos para diagnóstico por imaxe e terapia.

Nesta liña participan Carlos Platas Iglesias (Immo-tep), José Pérez Sestelo (SynCatMeth), Carlos Jiménez González e Jaime Rodríguez (Pronamar).

7) Nanomateriais para liberación e sensorización

Esta liña céntrase na preparación e funcionalización de nanotransportadores e estruturas de baixa dimensionalidade, así como na súa utilización como transdutores electrónicos en dispositivos electroquímicos e transistores de efecto de campo con aplicacións en biosensado. Tamén aborda o seu uso para biosensado e liberación controlada de fármacos.

A supervisión corresponde a Roberto Javier Brea Fernández (BioNanochem) e Alejandro Criado Fernández (NanoSelf).

8) Nanoestruturas e materiais avanzados para tecnoloxías biomédicas

Esta liña aborda a fabricación biomimética de nanomateriais, o desenvolvemento de polímeros helicoidais para a liberación xénica en células nai mesenquimais e a síntese de unidades de recoñecemento que emulan anticorpos para superar algunhas das súas limitacións.

Os proxectos están liderados por Francisco Fernández Trillo (BioNanochem), Elena Pazos Chantrero (Quimbio) e Jesús Mosquera Mosquera (NanoSelf).

Unha contorna interdisciplinar e altamente especializado

As persoas seleccionadas terán acceso a infraestruturas científico-técnicas avanzadas do CICA e da Universidade da Coruña segundo a súa disciplina, incluíndo plataformas de bioimpresión, laboratorios de bioloxía molecular e nanotecnoloxía, sistemas de análise electroquímica, equipamento para a síntese e caracterización de materiais, instalacións de experimentación animal e/ou ferramentas de modelización computacional e análise de datos.

Go to top