O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía da Universidade da Coruña (CICA) incorporará ao investigador brasileiro Paulo Roberto Bueno tras ser seleccionado na convocatoria ATRAE da Axencia Estatal de Investigación (AEI), un programa destinado á captación de talento investigador internacional de excelencia.
A súa incorporación supón un novo impulso á proxección internacional do centro e ao fortalecemento das súas liñas estratéxicas de investigación. O investigador foi un dos 37 perfís seleccionados nesta edición dunha convocatoria altamente competitiva, orientada a atraer a España persoal investigador consolidado con traxectorias científicas de impacto internacional.
A axuda concedida, dotada cun millón de euros, permitirá desenvolver no CICA un proxecto de investigación durante os próximos tres anos.
Unha traxectoria de excelencia
Paulo R. Bueno, profesor de Física e Química Física na Universidade Estadual Paulista (UNESP), é unha figura de referencia internacional no estudo da transferencia electrónica e do almacenamento de enerxía a escala atómica e molecular. A súa investigación está centrada na comprensión fundamental destes procesos, con importantes implicacións no desenvolvemento de novas tecnoloxías aplicadas á saúde, á sustentabilidade e aos sistemas avanzados de diagnóstico.
Entre as súas contribucións máis destacadas atópase o desenvolvemento do marco teórico Quantum Rate, que unifica as teorías clásicas de Marcus e LDK (Levich, Dogonadze e Kuznetsov). Este enfoque establece que as reaccións electroquímicas son fenómenos coherentes de natureza cuántica mesmo a temperatura ambiente e permite relacionar a condutancia cuántica coas taxas de transferencia electrónica a través da capacitancia cuántica.
Ao longo da súa carreira, Paulo Roberto Bueno publicou máis de 230 artigos científicos en prestixiosas revistas internacionais, acumulando máis de 12.500 citas. Ademais, é cofundador de Osler Diagnostics, compañía centrada no desenvolvemento de solucións innovadoras no ámbito biomédico.
A súa traxectoria inclúe tamén unha destacada actividade institucional, tendo exercido como Director de Investigación da Royal Society entre 2015 e 2018, ademais de ser Fellow da Royal Society of Chemistry (FRSC). Na actualidade, desempeña labores como editor asociado da American Chemical Society e é membro activo da International Society of Electrochemistry.
Bueno incorporarase á Universidade da Coruña a partir do 1 de decembro de 2026. Tanto na revisión da documentación como na preparación da proposta foi fundamental o traballo das Oficinas de Captación de Persoal Investigador (OCPI) e de Proxectos Internacionais (OPI) da UDC.