A rede ECLectic aborda o deseño de novos biosensores rápidos e fiables para loitar contra as infeccións hospitalarias

A rede ECLectic aborda o deseño de novos biosensores rápidos e fiables para loitar contra as infeccións hospitalarias
  • España participa neste proxecto europeo de máis de 2,6 millóns de euros a través de varios centros do País Vasco, Madrid e A Coruña
  • Investigadores do grupo de Autoensamblaxe Molecular e Nanomateriais (NanoSelf) do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña participan no proxecto coa avaliación de materiais baseado en grafeno modificado quimicamente

A sepsis e as infeccións bacterianas son as principais causas de morte en contornas hospitalarias con máis de medio millón de vítimas ao ano. O diagnóstico precoz, así como o tratamento antimicrobiano adecuado e cedo son de gran importancia. Con todo, o tratamento eficaz vese obstaculizado polo uso indebido de medicamentos non adecuados por culpa da falta de diagnóstico, que dan lugar a patóxenos resistentes, alto risco de recorrencia da infección e a consecuente mortalidade asociada. Necesítanse por tanto sistemas de diagnóstico rápidos e fiables que reduzan o tempo de notificación de varios días a unhas poucas horas, co consecuente aforro en custos médicos.

ECLectic é un proxecto internacional da convocatoria Doctoral Network de 2022, financiado con máis de 2,6 millóns de euros e no que participan 10 entidades socias e 9 entidades asociadas, coordinado polo Dr. Giovanni Valenti do Dipartimento dei Chimica da Università dei Bologna. A participación española realízase a través do CIC biomaGUNE, a Universidade Complutense de Madrid, o BCMaterials, a Universidade do País Vasco, e o grupo NanoSelf do CICA-Universidade da Coruña.

O/a investigador/a predoctoral do grupo de Bionanotecnología do Carbono de CIC biomaGUNE realizará unha estancia na Universidade da Coruña como parte da súa formación. En concreto estudarase a detección de biomarcadores de sepsis mediante medicións de electroquimioluminiscencia (ECL). Para este fin, desenvolveranse nanopartículas baseadas en carbono (Carbon-dots) no centro de Donostia-San Sebastián, mentres que na UDC avaliaranse distintos materiais de grafeno modificados quimicamente para a construción de eléctrodos. Cabe destacar que o investigador/a predoctoral cursará o programa de doutoramento da UDC en Química ambiental e fundamental. Este programa destaca pola súa internacionalización mediante a colaboración con grupos internacionais de prestixio ofrecendo a posibilidade de obter o Título de Doutor coa “Mención Internacional”.

A rede ECLectic abordará o problema mundial da sepsis e a infección bacteriana mediante o desenvolvemento da próxima xeración de plataformas de detección, proporcionando paradigmas de diagnóstico totalmente novos. Así, ECLectic desenvolverá dispositivos rápidos e fiables para o punto de atención con aplicacións de análises de infeccións bacterianas, seguimento da recorrencia e progresión de enfermidades. Pechará a brecha entre a investigación innovadora no campo dos materiais nanoestruturados e a súa aplicación na tecnoloxía de biosensores nanoestruturados e a súa aplicación na tecnoloxía de biosensores.

ECLectic creará ademais unha Rede de Excelencia en Europa para a formación de mozos investigadores na investigación e o desenvolvemento de plataformas de detección de infeccións bacterianas e sepsis. ECLectic xerará un grupo flexible de excelentes mozos investigadores dispostos a afrontar os retos europeos no desenvolvemento de novas plataformas de detección de infeccións bacterianas. Formaráselles para que se convertan en líderes da investigación e o desenvolvemento tanto industrial como académico.

O CICA:

O CICA é o Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía creado na Universidade da Coruña en 2015. Conta con máis de 200 investigadores/as organizados/as en tres áreas científicas que van desde a biomedicina ata a ciencia dos materiais. A excelencia investigadora, a transferencia tecnolóxica e a transmisión de coñecemento á sociedade forman os tres piares sobre os que se fundamenta o centro de investigación. É recoñecido pola atracción de talento, a visibilización da muller científica e a promoción da igualdade de xénero, contando cunha presenza feminina superior ao 50%.

Go to top