Nove proxectos do CICA seleccionados na convocatoria de Xeración de Coñecemento

Nove proxectos do CICA seleccionados na convocatoria de Xeración de Coñecemento

O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña conseguiu nove proxectos na convocatoria de Xeración de Coñecemento, un financiamento que permitirá impulsar investigacións en ámbitos estratéxicos como a saúde, a biotecnoloxía, a sustentabilidade, a química supramolecular, os materiais avanzados e o medio mariño. Estas axudas respaldan o traballo do persoal investigador do centro e reforzan o carácter interdisciplinar que define a súa actividade científica.

As investigacións financiadas abranguen desde o estudo do envellecemento saudable ata o desenvolvemento de novas ferramentas para a medicina de precisión.

Neste ámbito, Blanca Laffon Lage, coordinadora do grupo DICOMOSA, liderará o proxecto AGECOG-LONG, centrado na identificación de biomarcadores e factores de risco asociados ao envellecemento cognitivo e físico. Ángel José Vizoso Vázquez, do grupo Exprela, desenvolverá CRIPTOVA, orientado ao deseño de novas inmunoterapias personalizadas fronte ao cancro de ovario, mentres que a investigadora Ana Rey Rico, que lidera o grupo G-CEL, impulsará PreDicT4MSCs, unha iniciativa para optimizar a terapia xénica en células nai mesenquimais mediante intelixencia artificial e aprendizaxe automática. Pola súa banda, os investigadores do grupo IMMO-TEP, Carlos Platas e David Esteban, estarán á fronte de ATOMIC, un proxecto dedicado ao desenvolvemento de novos axentes quelantes para radiofármacos de última xeración destinados á radioterapia de precisión contra o cancro.

A convocatoria tamén apoiará investigacións vinculadas á sustentabilidade e á protección do medio mariño. Jaime Rodríguez, integrante do grupo PRONAMAR,  desenvolverá INSIDEBLOCK, centrado no deseño de biosensores e novas estratexias para a detección e o control sostible de enfermidades polimicrobianas en acuicultura. Así mesmo, as investigadoras Lucía Couceiro López e Nuria Fernández Rodríguez, do grupo Biocost, traballarán non proxecto B-WORM, co obxectivo de impulsar ou coñecemento da diversidade autóctona de poliquetos de interese comercial e desenvolver ferramentas avanzadas para a súa xestión ecosistémica, favorecendo unha explotación sostible e baseada en evidencias científicas.

No ámbito da química e dos materiais avanzados, Carlos Peinador Veira, coordinador do grupo SUPREN, desenvolverá VERMEX, un proxecto enfocado no deseño de interruptores, sistemas supramoleculares e máquinas moleculares con aplicacións en nanotecnoloxía e química biolóxica. Roberto Javier Brea Fernández, do grupo BioNanoChem, investigará a creación de células sintéticas “espello” para afondar no coñecemento dos fundamentos da vida e abrir novas aplicacións en biotecnoloxía e medicina. Por último, Juan Manuel Bermúdez García, coordinador do grupo ChemXTech, traballará no desenvolvemento de materiais porosos avanzados para o almacenamento e a xestión eficiente da enerxía térmica.

Con estes nove proxectos, o CICA continúa fortalecendo a súa capacidade para xerar coñecemento científico de excelencia en diversas áreas cun elevado potencial de impacto na saúde, na sustentabilidade e no desenvolvemento de novas tecnoloxías.

Go to top