Pablo Pita, investigador Ramón y Cajal do CICA e membro do grupo GIBE, Nuria Fernández, directora do departamento de Bioloxía da Universidade da Coruña (UDC), e Lucía Couceiro investigadora e profesora no mesmo departamento da UDC, xunto a Daniel Escobar Ortega e Diana Fernández Márquez, colaboradores do Grupo de Investigación en Sustentabilidade Mariña (SuMar), publican unha investigación na revista Fisheries Research, que representa a primeira contribución ó estudo da pesca de poliquetos en Galicia, tendo en conta o crecente impacto económico desta pescaría. Na publicación destacan a necesidade de aumentar o coñecemento sobre as especies capturadas e mellorar as prácticas de extracción que están afectando ós sedimentos e ecosistemas nos que habitan estes vermes.
Galicia é unha das rexións de Europa con máis dependencia económica da pesca comercial, pero a pesca recreativa tamén ten impacto social, xa que un 2% dos galegos a practica. Máis de 60.000 persoas xeran en Galicia un impacto económico directo de máis de 100 millóns de euros ó ano e un terzo destes pescadores usan os poliquetos como cebo. Un 17% só pesca cos poliquetos que captura, pero moitos outros usan os cebo comerciais, acotío importados.

A pesca de poliquetos é unha das excepcións á crise que experimentan os recursos marisqueiros tradicionais nas últimas décadas en Galicia. Nos últimos anos, a comunidade autónoma é un exemplo a nivel mundial da pesca comercial destas especies como inxección económica relevante no sector. O aumento da demanda deste cebo, xunto ca sinxeleza dos seus protocolos de captura e comercialización en comparación coas actividades marisqueiras tradicionais, foi aliciente para contribuír significativamente ó sustento de un número crecente de familias nas costas de Galicia. Polo xeral, desenvólvese como práctica complementaria que xera ingresos extra incluso cando as condicións climáticas ou o estado da marea impiden saír o mar ou explotar outras pescarías. Ademais, estas capturas poden exportarse ó mercado europeo onde existen importantes oportunidades comerciais con Francia e Italia.
A publicación de Pita,Fernández e Couceiro tamén destaca os beneficios sociais derivados de manter esta tradición. Das 68 tendas de pesca que venden poliquetos en Galicia, so un 7% venden cebos importados de Corea e América. Estes son máis doados de manter e por iso son os máis vendidos a nivel nacional e internacional, pero a súa introdución no medio pode supoñer distorsións para a fauna local. O resto deste cebo corresponde ás especies locais, como a miñoca, a miñoca de area, a miñoca de tubo e o gavilán.
Con todo, a extracción destas especies supón un impacto negativo para o medio afectando á fauna dos areais cando se remove o sustrato . Tampouco se coñece ben a relación entre tamaño e peso dos poliquetos, co que os impactos da súa recolección sobre as poboacións non están ben estudadas. Deste xeito, esta publicación conclúe que a maior ameaza para a sustentabilidade da súa explotación está na falta de coñecemento científico sobre as especies capturadas e o seu hábitat. Subsanando estas deficiencias, melloraríase a conservación da especie e o incremento dos beneficios no sector.
* Imaxe principal do Banco de imaxes da Facultade de Bioloxía UCM