Atracción de talento e proxectos internacionais, fitos destacados na presentación de resultados

Atracción de talento e proxectos internacionais, fitos destacados na presentación de resultados
  • O  CICA acolleu a xornada de presentación de resultados do ano 2024, no que interviñeron o reitor da UDC, Ricardo Cao, xunto co director do centro, Jaime Rodríguez, e a subdirectora, María Isabel González.  
  • En 2024  acadou  catro proxectos internacionais máis con respecto o ano anterior, chegando a  un total de sete e obtendo máis de 6 millóns de financiamento. Tres destes proxectos están liderados por persoal investigador do CICA

O CICA deu a coñecer o pasado xoves os resultados obtidos no 2024 nunha xornada que serviu tamén para explicar os diferentes proxectos nos que está inmerso o persoal investigador do centro.

Jaime Rodríguez, director do CICA, xunto ao reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, abriron o acto, seguido dunha presentación realizada pola subdirectora do centro, María Isabel González. 

Proxección internacional

Entre as conclusión a subliñar, o CICA pasou, no último ano, a unha nova fase de consolidación como centro de excelencia tras a súa incorporación o pasado ano  na rede CIGUS. Un fito que conleva maiores retos e obxectivos máis ambiciosos. Nese camiño, o centro está a afianzar o seu liderado incrementando o número de proxectos internacionais, e, polo tanto, aumentando a súa financiación. Do total de proxectos obtidos o pasado ano, tres deles son europeos pertencentes a convocatorias de Horizonte Europa (Dryad, Flufet e unha ERC-CoG) e liderados por grupos do centro.  

Asistentes presentación resultados

Esta última dotación, a ERC, sumouse ao centro grazas á incorporación do investigador Daniel Nieto, quen recibiu unha Consolidator Grant outorgada polo Consello Europeo de Investigación (ERC) con 2 millóns de euros, que axudará a impulsar a biofabricación e bioimpresión 3D de tecidos e órganos artificiais, traballo que se leva a cabo dende o grupo Advanced Biofab. 

A consecución destes proxectos é un fito para o centro e, en extensión para a UDC, segundo salientou o reitor, Ricardo Cao, que incidiu en que este é o camiño a seguir. Estes resultados, subliñou, fainos seguir traballando nesta liña para acadar máis e mellores iniciativas no eido da investigación.  

En total, en 2024, os proxectos internacionais obtiveron un financiamento de máis de 6 millóns de euros. Actualmente o CICA conta con máis dun centenar de proxectos de investigación activos. 

O centro de investigación de Galicia con máis investigadores Ramón y Cajal

En canto á captación de talento, o CICA incorporou  no último ano  cinco investigadores Ramón y Cajal máis, elevando a cifra total do centro a quince: Luis Varela e María Elena Rodríguez, do grupo FeMCa; Jessica García, do grupo Metal4Bio; Pablo Pita, do grupo Gibe; e Aurora Rodríguez, que lidera o grupo Cas4MI. Unhas incorporacións que Cao destacou como moi relevantes, a un dos centros de Galicia que conta con máis investigadores Ramón y Cajal. 

Polo que respecta á produción científica, as cifras foron similares ás   do anterior ano, alcanzando os 177 artigos científicos publicados, dos cales un 30% atópanse entre as revistas mellor valoradas, cun CiteScore superior a 10.   

Jaime Rodríguez  salientou a política de igualdade do CICA no que un 56 do persoal son mulleres Destacou tamén a aposta por unha ciencia accesible con máis publicacións abertas ao público (Open Access) e  apoiando proxectos de divulgación, que achegan a ciencia á cidadanía, como é o caso de Incrústate, vixente na actualidade e que acolle 17 estudantes entre os grupos de investigación para fomentar a vocación científica. 

Finalmente, premiáronse as mellores publicacións en aberto de 2024: dentro da área de Alimentación, Contaminación e Saúde ao grupo Grica; dentro da área de Biomedicina, ao grupo GIR-S; e dentro da área de Nanociencia e Materiais avanzados ao grupo UdcSolidos. 

Go to top