A Noite Europea das Persoas Investigadoras celebrarase o venres 25 de setembro, de 18:00 a 21:00 horas, na Dársena da Mariña, con actividades de acceso libre sobre saúde, enerxía, biodiversidade e medio ambiente.
O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña participará o vindeiro 25 de setembro na G-Night 2026, a Noite Europea das Persoas Investigadoras, con oito propostas divulgativas para achegar a investigación á cidadanía. As actividades terán lugar de 18:00 a 21:00 horas na Dársena da Mariña, nas inmediacións da sede da Autoridade Portuaria da Coruña, e estarán abertas a persoas de todas as idades, con acceso libre.
A través de experimentos, xogos e observacións ao microscopio, o público poderá descubrir como a química e a bioloxía contribúen a comprender a nosa contorna e a abordar retos relacionados coa saúde, a sustentabilidade e a enerxía. A xornada será tamén unha oportunidade para conversar co persoal investigador e coñecer de preto o seu traballo.

Ciencia para a saúde, a sustentabilidade e a enerxía
Baixo o título «CICA: ciencia para a saúde, a sustentabilidade e a enerxía», a jaima do centro reunirá sete actividades que levarán o público desde a escala nanométrica ata o estudo dos ecosistemas:
- Fabrica a túa propia batería — Grupo LISTE. Unha proposta para descubrir como se fabrican as baterías e coñecer os materiais e procesos que permiten almacenar enerxía procedente de fontes renovables.
- Detectando o cancro de ovario — Grupo QUIMBIO. Un achegamento ao papel da química no desenvolvemento de novos métodos de detección e ferramentas de diagnóstico.
- Poliquetos: os mini extraterrestres mariños que podes atopar na praia — Grupo BioCost. Maquetas, mostras reais e xogos para coñecer estes animais mariños e aprender a recoñecer distintas especies.
- Vermello coma o ouro: propiedades sorprendentes dos nanomateriais — Grupo NEST. Unha actividade para observar nanopartículas de ouro e descubrir como cambian as propiedades deste material a escala nanométrica.
- Viaxes a través do ADN — Grupo GIBE. Unha aproximación á información que garda o ADN e á investigación sobre ADN antigo.
- Constrúe a túa propia proteína! — Servizo de Proteómica do CICA. O público utilizará o código dos aminoácidos para transformar as iniciais do seu nome nunha pequena «proteína» que poderá levar consigo.
- Protexemos o solo fronte á erosión — Grupo AQUATERRA. Experimentos para comprobar como as coberturas vexetais protexen o solo e detectar a presenza de materia orgánica.
Microfósiles para reconstruír o clima e as paisaxes do pasado
O grupo GRICA Biopast tamén participará co obradoiro «Os (micro)fósiles e a paleoecoloxía», no que explicará como os sedimentos acumulados nos lagos permiten reconstruír o clima e as paisaxes do pasado.
A actividade incluirá a presentación dun equipo de sondaxe e dunha testemuña de sedimento para amosar como se obteñen estas mostras e por que conservan información ambiental. A continuación, as persoas participantes tratarán de deducir como eran distintas paisaxes a partir de pistas baseadas en grans de pole e diatomeas. O obradoiro completarase coa observación ao microscopio destes restos fósiles.
A proposta contará coa participación das investigadoras Laura Barral Fraga e María Eugenia Fernández Pérez, do CICA, e Luisa Santos Fidalgo, da Facultade de ciencias da UDC.

Unha cita para achegarse á investigación na Coruña
Coa súa participación na G-Night 2026, o CICA busca compartir o coñecemento que se xera nos seus laboratorios, espertar a curiosidade científica e fomentar o diálogo entre a comunidade investigadora e a sociedade.
As propostas reflicten a diversidade da investigación do centro e a súa conexión co enfoque One Health, que recoñece a interdependencia entre a saúde humana, animal e ambiental.
A programación da Noite Europea das Persoas Investigadoras na cidade inclúe tamén charlas, visitas e obradoiros en diferentes espazos. Todas as actividades poden consultarse no programa completo da G-Night 2026 na Coruña.