CONFERENCIA TALENTO: Paulo Roberto Bueno

CONFERENCIA TALENTO: Paulo Roberto Bueno

CONFERENCIA TALENTO: Paulo Roberto Bueno

Relator: Paulo Roberto Bueno

Título: Quantum Chemistry at Room Temperature and Applications to Molecular Sensing

Data: 14 de outubro de 2026 – 12:00 h

Organizado por: CICA

Lugar: Salón de Actos do CICA

Breve reseña do Dr. Paulo Roberto Bueno

Paulo Roberto Bueno, profesor do Departamento de Física e Matemáticas do Instituto de Química da Universidade Estadual Paulista (UNESP), no Brasil, incorpórase ao CICA para liderar o proxecto QASens.

A súa investigación céntrase na fisicoquímica, na electrodinámica cuántica e na física mesoscópica. Contribuíu ao desenvolvemento da teoría da taxa cuántica, que conecta conceptos da electrónica a nanoescala e da electroquímica para describir o transporte de electróns en materia branda e en condicións ambientais.

É autor de máis de 230 artigos científicos, cofundador de Osler Diagnostics e membro da Royal Society of Chemistry coa distinción de Fellow (FRSC) de 2015 a 2018. Tamén exerce como editor asociado da American Chemical Society e é membro activo da International Society of Electrochemistry.

Sobre a conferencia

Como podemos estudar o comportamento electrónico dun material no mesmo medio no que desenvolve a súa función? Moitas das técnicas empregadas para analizar estas propiedades requiren condicións de baleiro e, en ocasións, temperaturas extremadamente baixas, afastadas daquelas nas que teñen lugar os procesos químicos e biolóxicos.

Nesta conferencia, Paulo Bueno presentará resultados experimentais sobre o transporte electrónico coherente a temperatura ambiente e a súa relación coa teoría da taxa cuántica —Quantum Rate (QR) theory—. Expoñerá, ademais, como a espectroscopia QR permite estudar a estrutura electrónica de sistemas de baixa dimensionalidade acoplados a un eléctrodo, directamente nun electrólito, a temperatura ambiente e sen condicións de baleiro.

A charla desenvolverá dúas aplicacións de especial interese para as liñas de investigación do CICA. A primeira céntrase na caracterización de materiais de baixa dimensionalidade, con exemplos como a identificación de distintos estados de oxidación do grafeno e a avaliación da súa calidade no propio medio de uso, de forma complementaria a técnicas como Raman e XPS.

A segunda aborda o recoñecemento molecular: a unión dunha molécula a unha interface modifica a súa estrutura electrónica, o que permite detectar estes eventos directamente e sen necesidade de marcadores. Este principio sustenta a detección por afinidade cuántica e as súas aplicacións na investigación de novos fármacos.

Esta liña desenvolverase no CICA a través do proxecto QASens, financiado polo programa ATRAE durante os próximos tres anos, mediante transdutores de grafeno monocapa controlados a través dun electrólito.

Go to top