Do 30 de setembro ao 6 de outubro de 2026 celébrase na Coruña a terceira edición da Semana da Paleontoloxía, unha iniciativa que achega esta disciplina científica a públicos de todas as idades a través de conferencias, obradoiros, cinema e actividades divulgativas en diferentes espazos da cidade.
Organizada polo CICA (Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía), o CITEEC (Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil) e o Instituto Universitario de Xeoloxía (IUX) da Universidade da Coruña, a Semana conta coa colaboración dos Museos Científicos Coruñeses, as Bibliotecas Municipais da Coruña, o Concello da Coruña, a asociación de divulgación científica UDC Big Bang, o Bar Árnica e os centros educativos participantes.
Ao longo da semana, persoal investigador e especialistas en paleontoloxía participarán nun programa que combina o ciclo de conferencias “A Paleontoloxía na era tecnolóxica: descifrando o pasado para entender o futuro”, aberto a toda a cidadanía, con actividades prácticas en centros educativos, encontros informais con persoal investigador, cinema e propostas familiares.
A programación busca achegar a paleontoloxía a distintas xeracións, desde as primeiras etapas educativas ata a Universidade Sénior, cuxos participantes visitarán o CICA para participar nunha actividade científica. Entre as propostas dirixidas aos máis pequenos desenvolverase unha actividade co alumnado de 6º de Educación Infantil do Colexio Plurilingüe Franciscanas da Coruña, dentro da aposta do centro por unha formación integral, o plurilingüismo e o rigor académico, incorporando desde as primeiras idades experiencias que conectan a aula coa cultura, a ciencia e a contorna.
Deste xeito, a Semana propón diferentes maneiras de achegarse á investigación sobre o pasado da Terra, mostrando tanto o coñecemento que achegan os fósiles e a reconstrución de ambientes do pasado como as novas ferramentas que utiliza actualmente a paleontoloxía.
A III Semana da Paleontoloxía é posible grazas ao financiamento do programa CIGUS da Xunta de Galicia e ao apoio das axudas da Facultade de Ciencias da Universidade da Coruña para ciclos de conferencias, así como á colaboración das entidades, centros educativos e persoal investigador implicados nesta edición.






