O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía da Universidade da Coruña incorpora ao prestixioso investigador de Cambridge Israel Temprano

  • Desenvolverá a súa actividade como investigador principal e sénior no Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da UDC, onde se abrirá o “Laboratorio de Investigación Sistemas de Transición Enerxética” (LISTE).
  • Temprano, que é licenciado en Química pola Universidade da Coruña, traballa actualmente na Universidade de Cambridge (Reino Unido), no descubrimento de novos sistemas de almacenamento de enerxía electroquímica.
  • O obxectivo das axudas Beatriz Galindo, coa que Israel Temprano se incorpora á UDC, é atraer ás universidades públicas españolas investigadores que desenvolven proxectos no estranxeiro en sectores de interese estratéxico.

A Universidade da Coruña incorpora estes días ao Israel Temprano como investigador contratado Beatriz Galindo Sénior. Tras unha dilatada traxectoria na Universidade de Cambridge, Reino Unido, onde actualmente exerce como investigador asociado e investigador principal do departamento de Química, Temprano incorpórase ao Centro Interdisciplinar de Química Bioloxía (CICA) da UDC, grazas ao programa do Ministerio de Educación Beatriz Galindo, como investigador principal sénior. Coa súa chegada ao centro ábrese o novo “Laboratorio de Investigación Sistemas de Transición Enerxética”, que será coñecido como LISTE; ademais impartirá docencia no Grao de Nanociencia e Nanotecnoloxía da Facultade de Ciencias da UDC.

Israel Temprano é licenciado en Química pola Universidade da Coruña e doutor en Química pola Universidade de Laval en Québec, Canadá. Actualmente traballa no descubrimento de sistemas novos para o almacenamento e conversión de enerxía electroquímica na Universidade de Cambridge. Tamén é investigador principal na Rede Europe de investigación de baterías ALISTORE-ERI e investigador asociado na rede británica Faraday Institution.

Segundo explica, as baterías son cruciais na transición enerxética por varias razóns, particularmente relacionadas co almacenamento de enerxías renovables e a independencia enerxética, xa que posibilitan o almacenamento efectivo de enerxía de fontes renovables, como a solar e eólica, que son intermitentes, asegurando así unha subministración constante e fiable. Este almacenamento é esencial para superar a dependencia de fontes de enerxía convencionais e para xestionar eficientemente a oferta e a demanda na rede eléctrica.

Ademais, a mellora na eficiencia e redución de altos custos actuais das baterías é fundamental, posto que reducir este custo non só fará que as baterías sexan máis accesibles, senón que tamén mellorará a independencia enerxética dos países, permitíndolles aproveitar ao máximo os seus recursos renovables locais e diminuír a súa dependencia de fontes de enerxía externas.

Antes de investigar o almacenamento de enerxía, Temprano exerceu o seu labor nas disciplinas de ciencia de superficies e catálise como coinvestigador, liderando o equipo de Espectroscopia do grupo de investigación Surface Science Research, entre os anos 2009 e 2015, e como investigador asociado posdoutoramento cunha bolsa Marie Curie na Universidade de Liverpool durante o ano 2009, traballando en funcionalización de materiais.

Ao longo da súa carreira, desenvolveu técnicas novas coas que estudar dispositivos de almacenamento de enerxía en funcionamento. En concreto, deseñou e desenvolveu dous sistemas operando análises de gases para estudar as reaccións de diferentes tipos de baterías, e outros que permitiron mellorar a eficiencia en diferentes tipos de baterías como litio-aire, baterías de ión-litio e ión-sodio, baterías de fluxo redox, baterías de litio xofre e dispositivos de captura de carbono.

Axudas Beatriz Galindo

O obxectivo das axudas Beatriz Galindo é a captación de investigadores que na actualidade se atopan desenvolvendo proxectos no exterior, coa fin de atraelos ás universidades públicas españolas, potenciando así a calidade e a competitividade do persoal investigador en sectores de interese estratéxico.

Go to top