O dito programa apoia o desenvolvemento rexional a través do cofinanciamento de proxectos transnacionais por medio de fondos FEDER (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional).
O proxecto ECOSPHEREWINES, xurdido no seo dunha colaboración promovida pola Oficina de Transferencia de Resultados de Investigación (OTRI) da Universidade da Coruña e a Fundación Juana de Vega, que coordina a iniciativa, vén de conseguir financiamento da primeira convocatoria do Programa de Cooperación Territorial do Espazo Suroeste Europeo, SUDOE 2021-2027. O dito programa apoia o desenvolvemento rexional a través do cofinanciamento de proxectos transnacionais por medio de fondos FEDER (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional). O equipo da Universidade da Coruña está composto por Manuel López Vicente, do grupo AQUATERRA (Xestión Sustentable dos Recursos Hídricos e do Chan) da Facultade de Ciencias e o Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía, CICA, como investigador principal do proxecto; o profesor Marcos Lado Liñares, da Facultade de Ciencias e o CICA; e Alberto Varela García, da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos e o Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil, CITEEC. ECOSPHEREWINES, que desenvolverá a súa actividade durante os seguintes catro anos, está centrado no ámbito vitivinícola en paisaxes de Galicia, norte de Portugal, Castela-León e sur de Francia, para a protección e conservación da natureza e da biodiversidade, ao tempo que comprometido coa sustentabilidade social e económica do cultivo. As paisaxes vinculadas ao cultivo da vide son un recurso económico e turístico fundamental no espazo que abrangue o SUDOE, sinaladamente nos territorios interiores, afectados polo despoboamento e o envellecemento, nos que a preservación do capital natural e ambiental é crucial para as comunidades rurais. A iniciativa persegue mellorar os servizos ecosistémicos prestados polas paisaxes agrícolas do viñedo a través da implementación dunha rede de infraestrutura verde en zonas de alto valor ecolóxico, como estratexia enfocada á súa conservación e xestión sustentable, mellorando así a biodiversidade e aumentando a súa resiliencia fronte ao cambio climático. O proxecto fórmano un consorcio integrado por actores moi relevantes do sector vitivinícola, no que as entidades beneficiarias son, ademais da UDC, a Fundación Juana de Vega, a Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas de Betanzos, a empresa ITER Investigación, S.L., a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Duero-Douro, a Asociación Plataforma Tecnológica del Vino de España, a Subdirección de Investigación e Tecnoloxía do Instituto Tecnológico Agrario de Castilla y León, e a empresa Pagos de Brigante, S.L., en España; a Associação para o Desenvolvimento da Viticultura Duriense (ADVID), a Universidade de Trásos-Montes e Alto Douro, e Duorum Vinhos S.A., en Portugal; e o Institut Français de la Vigne et du Vin Pôle Sud-ouest e o organismo Interprofession des vins du Sud-ouest France, en Francia. ECOSPHEREWINES ten suscitado así mesmo o apoio dos seguintes organismos asociados: Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, o Instituto de Estudios del Territorio, o Concello de Fermoselle, o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, o Consejo Regulador de la Denominación de Origen Arribes, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria Estación de Enoloxia e Viticultura de Galicia, a Fundación Enxeñaría Agronómica para o desenvolvemento de Galicia, a Asociación de Adegueiros do Viño da Terra de Betanzos, o Concello de Betanzos, a Asociación Vinduero-Vindouro, Conoce Galicia SL, e Praxxis Inclusion Sociedade Cooperativa Galega Sen Ánimo De Lucro, en España; a Entidade Gestora do Alto Douro Vinhateiro Patrimonio da Humanidade, o Instituto da Conservação da Natureza e das Florestas e a Câmara Municipal de Torre de Moncorvo, en Portugal; e a Maison Des Vins De Gaillac e a Agence De Leau Adour Garonne, en Francia.