-
Armand Hernández, novo director da Oficina de Sustentabilidade da UDC
-
O investigador do CICA asumirá cuestións como a mobilidade ou a xestión dos residuos e da auga no campus
-
Na xornada de hoxe, na que se conmemora o Día Mundial do Medio Ambiente, é preciso lembrar os compromisos que debemos adoptar para que a nosa pegada teña o menor impacto posible no Planeta
A Coruña, 03 de xuño de 2024
Cando os asistentes á reunión na Vicerreitoría de Infraestruturas e Sustentabilidade da Universidade da Coruña viron a cara de Armand Hernández, o investigador conta que alguén lle dixo: “Non tes por qué respostar agora. Pénsao”. A dúbida era máis que razonable, mais ao final dixo que si: “O cambio climático interésame, preocúpame e ocúpame”. A fin de contas, dentro do CICA Hernández estuda o pasado para entender o presente e o futuro. Para chegar a ese pasado, “que pode ser dende os derradeiros dous mil anos ata fai dous millóns de anos”, o paleoclimatólogo e membro do grupo de investigación Grica segue a pista dos sedimentos que se atopan nos lagos, os cales almacenan cambios ambientais e climáticos. O investigador Ramón y Cajal acepta o reto de liderar a Oficina de Sustentabilidade (OdS) da UDC cun obxectivo claro: empregar a investigación que se fai na propia Universidade como unha ferramenta para mellorar en termos económicos, de sustentabilidade e de calidade de vida.
A Oficina de Sustentabilidade (antigamente OMA) procura a mellora de calquera actividade feita por e dende a Universidade para que sexa o máis sostible posible, mais o termo sostible é moi amplo. Para Armand Hernández, “trátase dunha serie de compromisos que temos que adoptar de cara a asegurar que a pegada que deixamos ten o menor impacto posible no planeta. Que contaminemos o mínimo e que o consumo enerxético sexa o mínimo é vital nun mundo limitado, e co contexto actual non podemos facer todo de calquera maneira: a Universidade ten que ser un exemplo para a sociedade”. Por iso, dende a Oficina procúranse melloras en eidos como a mobilidade e o transporte, o consumo enerxético dos distintos edificios pertencentes á Universidade, o aluguer de bicicletas ou a xestión dos residuos, das hortas e da auga dos distintos campus.
A Oficina tamén asesora aos centros para que implementen medidas que lles permitan obter o calificativo Green campus, un selo semellante ao das bandeiras azuis das praias. Sobre o selo, Hernández explica que “un dos requisitos para conseguir a bandeira verde é que nos currículums dos grados, mestrados e outras formacións da Universidade haxa unha parte adicada á educación ambiental e á sustentabilidade”.
Como novo Director da OdS, Hernández quere involucrar máis á comunidade universitaria: “Isto quere dicir que si procuramos mellorar a mobilidade e o transporte imos petar na porta dalgún grupo de investigación da Universidade que se adique a esta cuestión e basear esas melloras nos datos que academos”. De feito, a Oficina xa está a colaborar coa Unidade de Análise e Xestión de datos para mesturar cal é a situación da Universidade en materia de sustentabilidade e darlle continuidade ao que verdadeiramente funciona. “Queremos que a xente vexa que este tipo de iniciativas teñen un impacto real e son útiles”, comenta o investigador. Na actualidade, segundo Hernández, esta mensaxe non está calando no estudantado, o cal non está tan involucrado nestas materias. “Seguramente non estamos ofrecendo algo que interese verdadeiramente, e iso hai que cambialo”. Sobre ter en conta os enfoques doutras disciplinas ou ramas do coñecemento como a socioloxía ou o dereito, o científico do CICA é claro. “É imprescindible. Non se entende falar de cambio climático sen falar dende as ciencias sociais. A nosa situación na Oficina é humilde, máis tentamos contar sempre co apoio externo de quen nos poda aportar unha nova ollada”.
Na procura da circularidade
Polo de agora, o equipo da OdS está impulsando un grupo de traballo de mobilidade dando cumprimento ao programa electoral do actual equipo de governo. A iniciativa xurdiu da Vicerreitoria de Infrastruturas e Sustentabilidade de onde depende a Oficina. A idea é obter datos dos desprazamentos para ir ata a Universidade e estudar as posibilidades dunha mellora que tería implicacións de tempo, de cartos e de calidade de vida. Doutra banda, o equipo da OdS tamén está facendo esforzos na optimización da xestion da auga. Así, a OdS está impulsando outro grupo de traballo, neste caso, de aproveitamento da auga dos campus para unha xestión máis eficiente deste recurso.
A nivel de educación ambiental e de xestión de residuos, o novo Director da OdS non dubida á hora de subliñar que a UDC está a facer un gran traballo: “Temos composteiros de calidade, que utilizamos nas hortas propias do Campus dun xeito completamente circular”. O investigador do CICA ten agora seis anos para poñer en práctica o sinalado, na procura dun campus responsable e consciente do deterioro da nosa contorna e que involucre a estudantado, investigadores/as e órganos con poder de decisión.
Sobre o CICA
O CICA (Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía) da Universidade da Coruña comezou a súa actividade no ano 2015. Ata o de agora conta con máis de 200 investigadores e investigadoras vencellados a tres áreas científicas, dende a biomediciña ata a ciencia dos propios materiais. A excelencia investigadora, a transferencia tecnolóxica e a transmisión do coñecemento de cara á sociedade son os pilares fundamentais sobre os cales se mantén o centro de investigación.
O CICA é recoñecido pola súa aposta clara en canto á atración do talento, a visibilización da muller investigadora e a promoción da igualdade de xénero, contando cunha presenza feminina de máis do 50 %.
Dende 2024 o centro conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación.
