A investigadora do CICA, Ana Rey, consolida a súa carrera investigadora cun proxecto sobre rexeneración de cartilaxe

A investigadora do CICA, Ana Rey, consolida a súa carrera investigadora cun proxecto sobre rexeneración de cartilaxe
  • O deseño de novos sistemas da liberación de xenes basados en niosomas para a transfección efectiva de células mesenquimais é o proxecto da Universidade da Coruña escollido polo Ministerio de Ciencia na convocatoria de 2024 para incentivar a Consolidación Investigadora. 

  • O grupo G-CEL do CICA, Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía, leva a cabo esta traballo baixo o liderazgo da investigadora Ramón y Cajal, Ana Rey. 

 

O proxecto “Deseño de novos sistemas de liberación de xenes basados en niosomas para a transfección efectiva de células mesenquimais” liderado pola investigadora Ramón y Cajal, Ana Rey, que coordina o Grupo de Investigación en Terapia Xénica e Celular (G-CEL) no Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña, foi un dos seleccionados pola Presidencia da Axencia Estatal de Investigación do Ministerio de Ciencia na convocatoria de 2024 para incentivar a consolidación investigadora, segundo a resolución recentemente publicada.  

 

Este proxecto, que recibirá preto de 200.000 euros, ten como obxectivo  o deseño de novos sistemas non virais baseados en niosomas (vehículos celulares estables e non tóxicos) que servan para transferir xenes e fármacos en células nai e así, buscar novas estratexias de reparación en tecido. 

Concretamente en rexeneración de cartilaxe articular, xa que, hoxe en día, non existe unha substitución orixinaria deste tecido. As estratexias dispoñibles ata o momento tan só permiten a obtención dun tecido fibroso que carece das calidades da cartilaxe orixinaria da articulación. 

A diferenza doutros tipos celulares, as células da cartilaxe presentan unha capacidade reparativa moi limitada debida a sua baixa actividade metábolica e a súa densa matriz extracelular, o que dificulta a rexenaración deste tecido. A través deste estudo, Ana Rey pretende guiar a actividade destas células para que a cartilaxe poida sanar.  

Esta liña de investigación, foi creada en 2018 desde a incorporación de Ana Rey ao centro e a creación do seu grupo G-CEL. Para ela, estes fondos significan “un paso máis alá á hora de incorporar outros compoñentes que nos permitan incrementar a eficiencia”, pero tamén “un avance para a consolidación da carreira investigadora”, engade. A súa bolsa Ramón e Cajal terminará o próximo outubro polo que, a resolución desta convocatoria permitirá á continuación do proxecto nos vindeiros anos. 

Durante o periodo de financiación, o estudo poderá avanzar no deseño de novos sistemas non virais de transfección, aumentar a súa eficiencia e utilizar estratexias seguras, supoñendo un avance clínico para o paciente, así como un progreso tamén a nivel tecnolóxico.  

 

 

Colaboración con BioNanoChem 

Como grupo pertencente a un centro de investigación interdisciplinar, o proxecto liderado por Ana Rey tamén contará con outro investigador Ramón y Cajal, Roberto J. Brea, do grupo BioNanoChem.

A súa experiencia en química de lípidos para aplicacións biomédicas proporcionará un enfoque innovador á hora da modificación da composición dos niosomas, permitido ao grupo G-CEL probar estas variacións nos cultivos celulares. 

No curso deste estudo, tamén se aplicarán tamén outras disciplinas como a microfluídica, unha tecnoloxía que move pequenas cantidades de líquidos a través de canais estreitos, co obxectivo de obter nanosistemas máis homoxéneos. Estes parámetros son importantes para utilizalos como vehículos de transfección.  

 

Sobre o CICA 

O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA), que pertence a Universidade da Coruña (UDC), creouse en 2015 como un centro de investigación de ciencias avanzadas que conta con máis de 200 investigadores e investigadoras pertencentes a tres áreas científicas: Biomedicina; Alimentación, Contaminación e Saúde; e Nanociencia e Materiais Avanzados. As tres liñas enfocan os seus estudos ao concepto coñecido como One Health; no que a saúde ambiental, humana e animal están interconectadas. 

Desde 2024, o CICA conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación.  

A excelencia investigadora, a transferencia tecnolóxica e a transmisión de coñecemento á sociedade forman os tres piares sobre os que se fundamenta o centro de investigación. É recoñecido pola atracción de talento, a visibilidade da muller científica e a promoción da igualdade de xénero, contando cunha presenza feminina superior ao 50%. 

 

Go to top